ARPE - Asociación Rande Patrimonio Europeo


Declaración de intencións:

Creamos a ARPE como motor impulsor da iniciativa de declaración do Estreito de Rande e os seus terreos lindeiros como “Selo de Patrimonio Europeo”, co obxecto de fomentar a identidade e a historia europea comúns baseado no patrimonio de Europa.
O programa “Selo de Patrimonio Europeo” concibiuse como un medio de promover e preservar os bens culturais que desempeñan unha función esencial á hora de comprender a memoria e a historia europea.
Consideramos que este texto, parafraseando o obxectivo primordial indicado no art. 1º das “Regras de Procedemento do Selo de Patrimonio Europeo, construíndo o futuro para a cidadanía de Europa” está plenamente vixente para Rande.
Si seguimos lendo, considerase Patrimonio Europeo aqueles enclaves que desempeñan un papel esencial na historia de Europa e que son emblemáticos da identidade europea e/ou da interacción transnacional dentro do espazo cultural europeo. Isto inclúe os bens culturais, monumentos, enclaves naturais ou urbanos, patrimonio tanxible ou intanxible, contemporáneo e tradicional, e sitios que desempeñen un papel fundamental na comprensión da historia e cultura europeas, entre outros se nomea:
- lugares de interese cultural ou histórico que teñan unha relevancia especial en Europa para os Estados Membros en xeral;
-- obras arquitectónicas, edificios e obxectos de valor emblemático en termos históricos, artísticos, científicos e ideolóxicos;
-- zonas (enclaves e paisaxes culturais), así como xacementos arqueolóxicos terrestres, lacustres e marítimos.
O lugar de Rande cumpre plenamente estas características para poder declararse como Selo do Patrimonio Europeo e dende ARPE queremos promover a súa candidatura de xeito inmediato e irrefutable
POR QUÉ CONSIDERAMOS RANDE COMO UN LUGAR EMBLEMÁTICO PARA EUROPA?
A Batalla de Rande é un feito histórico de suma importancia na Enseada de San Simón, da ría de Vigo, en xeral para Galicia, o Estado e, por suposto, para Europa. O 23 de outubro de 1702 tivo lugar unha das batallas navais máis importantes da historia moderna europea. Foi un evento internacional, onde estiveron involucradas as entonces maiores potencias militares e comerciais do mundo: España, Francia, Inglaterra e Holanda. Na contenda participaron máis de 20.000 persoas e máis de 179 barcos.
Como consecuencia da Batalla temos baixo o mar da Enseada (principalmente na zona achegada ao Estreito) un dos xacementos de pecios arqueolóxicos subacuáticos máis grande de España (e de Europa), con máis de 25 galeóns afundidos nas súas augas. Ademais dun castelo, a Fortaleza de Rande, que é un dos últimos vestixios terrestres asociados coa Batalla.
Certamente a historia da batalla é apaixonante dende todos os puntos de vista, pero non o é menos a posterior historia da busca do tesouro sobre a que tamén correron (e seguen correndo) “chorros de tinta”. En Rande sucedéronse dende o día seguinte da Batalla máis 75 expedicións de busca internacionais. O de Rande é, sen dúbida ningunha, o tesouro máis buscado de todos os tempos. Dende o século XVIII ata o XX, sucedéronse expedicións protagonizadas por españois (Juan Antonio Rivero, 1732, Bernardino Freire, 1776), suecos (Sjojelm, 1720), franceses (Goubert, 1740, Hipólito Magen, 1870), igleses (Yssac Dickson, en 1825), norteamericáns (The Vigo Bay Treasure Company”, 1886), italianos (Giuseppe Pino e Carlos Iberti, dende 1892 ata 1929). Tamén son destacables as intervencións de Frobin (1882); John Emery Gower (1885); Johnson (inglés, 1892); Conde de Pradaría e Andrieux (1899); André Sther (sueco, 1913), entre outros moitos. Rematando a busca cos coñecidos cazatesouros Robert Sténuit (belga, achégase a Rande en 1954), e o norteamericán John S. Potter Jr. (anos 50 do séc. XX).
A transcendencia da busca está avalada incluso polo feito de que fose recollido no libro “20 Mil Leguas de Viaxe Submariña” do famoso escritor Xulio Verne.
Como podemos comprobar, a Batalla de Rande deixou unha forte pegada na comarca e numerosos nomes para a historia, pero, por se todo iso non chegara, durante o século XX tiveron lugar en Rande feitos de igual interese e transcendencia que a propia Batalla, esta vez asociados coa IIª guerra mundial e a súa posguerra.
Son tres os alemáns coñecidos asociados con Rande, cadanseu coa súa época de influencia, e a súa historia particular, e deixando como consecuencia das súas actividades un complexo conxunto histórico en forma de inmobles monumentais.
O primeiro de todos é Friedrich Wilhem Cloos, quen construíu o cargadoiro de vía voadiza ou Cantilever, coñecido na parroquia como “Cargadoiro do Alemán”, na contorna dos anos 20 do século XX. O segundo alemán, máis coñecido por ser un dos propietarios da fábrica onde se localiza o MEIRANDE, foi Otto Gerdtzen Boyé, quen merca no 1944 as instalacións de salgadura de Rande e as transforma logo en conserveira, chamada Conservas Boyé. O terceiro é o cargadoiro de Cotto Wagner, é a última das grandes infraestruturas construídas en Rande, un gran cargadoiro de ferro con cintas transportadoras, este último construído entre 1960 e 1965 e pechado nos anos 70 coa crise enerxética mundial, e aínda que non o construíron os alemáns por ser este país o principal importador do mineral alí cargado o seu propietario o chamou Coto Wagner por ser este o nome do coto onde se tiraba o mineral de ferro en Ponferrada.
Deste xeito, pode articularse un discurso histórico completo da historia de Rande dende principios do séc. XVIII ata mediados do XX, asociado coa minería, e neste discurso calquera dos elementos estruturais é imprescindible para o seu entendemento.
Estes feitos contados de xeito resumido deixaron en Rande, como dicimos numerosos inmobles monumentais en forma de xacementos arqueolóxicos, peiraos, fábricas históricas, pontes...
RANDE, BEN DE INTERESE CULTURAL (BIC)
O feitos acontecidos en Rande e o patrimonio inmoble deixado como “fósil guía” destes acontecementos teñen tal transcendencia que o Concello de Redondela aprobou por unanimidade no seu Pleno Municipal solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a Declaración de BIC do Lugar de Rande, esta decisión plenaria derivou nunha resolución de alcaldía de 7 de febreiro de 2013.

A resolución leva por título: “SOLICITUDE DE INCOACIÓN DE EXPEDIENTE PARA A DECLARACIÓN COMO BIC DOS RESTOS DA FORTALEZA DE RANDE E MEDIDAS DE PROTECCIÓN DOUTROS BENS DO CONTORNO”. No texto indícase a importancia histórica da Fortaleza de Rande, así como dos outros bens que ten asociados: A Fábrica do Alemán, os cargadeiros de mineral, a Ponte de Rande, as pontes do ferrocarril, o porto e praia de Rande, o grupo de bateas inmediato ao Estreito, e o xacemento dos pecios da Batalla de Rande, remarcando que todos os bens formarían parte dun conxunto unitario, considerado como “paisaxe cultural”, “paisaxe histórica” ou “territorio Histórico”.

Este desexo ven derivado da vontade por parte da veciñanza de Rande de conservar estes vestixios e bens culturais, deste xeito a veciñanza do lugar de Rande promoveu a creación do museo MEIRANDE, que segue a ter unha acollida de público abraiante para pasar xa cinco anos dende a súa inauguración.

Os veciños e veciñas de Rande converteron a través do Concello de Redondela o recordo da batalla nun motivo para a convivencia e a solidariedade a través dunha teatralización anual que axuda ao mantemento da memoria histórica a Batalla. Así é como un feito do pasado se converte en forza motriz para o desenvolvemento cultural e social da cidadanía.
O TESOURO DE RANDE
En realidade, o Tesouro de Rande non está perdido no lodo da ría, percíbese na toma de conciencia colectiva e no movemento social que trata de preservar o lugar histórico, os impoñentes restos de arquitectura en terra firme e o xacemento arqueolóxico subacuático dos galeóns de Rande.
Esta conciencia social sobre a existencia de tan importante patrimonio é a que pode dar albergue ao recordo de toda a humanidade de múltiples nacionalidades que aquí pagaron coa súa vida e indescritibles sufrimentos ou secuelas, a barbarie da destrución e conquista insaciable dos poderosos.
Na nosa época, a Batalla de Rande, o agora marabilloso sitio da contenda, os seus restos, literatura e lendas son patrimonio da Europa dos pobos. A súa conservación e defensa un exercicio de Humanismo do S. XXI.