Construída
no ano 1836 polo empresario catalán Sebastián Carsí.
A Fábrica do Alemán dende o mar,
antes da súa rehabilitación
|
A súa construción e devir coincide coa historia
da industria da salga e da conserva na punta de Rande. A sardiña salgada foi un produto netamente comercial,
destinado na súa maior parte a distribuírse por Portugal, os portos do
Cantábrico e, en menor medida, pola costa mediterránea.
A
chegada dos chamados fomentadores cataláns produce o troco da salgadura artesá
ás fábricas de salgadura. Deste modo, a partir de 1750 a actividade de
salgadura da sardiña, que antes levaban a cabo as familias dos pescadores nos
soportais dos barrios mariñeiros ou nas pequenas adegas, pasa a uns edificios
especializados (fábricas de salgadura) propiedade de comerciantes na súa
maioría cataláns, que en décadas anteriores viñan ás costas galegas a mercar
peixe, e que pagan uns salarios a estibadores e toneleiros polo seu traballo nas
ditas fábricas.
É
nesta situación cando xorde en Rande a primeira noticia dun fomentador alí
establecido, Sebastián Carsí, en 1836. Despois de moitos avatares e propietarios
a industria da salga transfórmase en conserveira, que foi mercada polo
industrial alemán Otto Gerdtzen Boyé, no ano 1945.
Otto
Gerdtzen Boyé foi un comerciante alemán moi diversificado nos seus negocios.
Entre os anos 1940-1944, momento da febre do “ouro negro galego” (volframio),
tivo unha empresa mineira dedicada á explotación regular de volframio nun coto
en Silleda, chamada Otto Gertzen. A todo isto engadiu en 1948, radicada na
mesma fábrica de Rande, a produción de conservas chamada Conservas Boyé.