ARPE é unha nova
asociación cultural en Redondela creada para solicitar o “Selo de Patrimonio
Europeo” para o Estreito de Rande e os seus terreos lindeiros, como un medio de
promover e preservar os bens culturais, os monumentos, os enclaves naturais ou
urbanos, incluíndo calquera patrimonio inmaterial, tanxible e intanxible,
contemporáneo e tradicional, e os lugares que desempeñan unha función esencial
á hora de comprender a memoria e a historia europea.
Enumeramos os bens
culturais que hai no Estreito de Rande:
- A Batalla de Rande: Deixou un dos xacementos de pecios arqueolóxicos subacuáticos máis grandes de Europa,
con máis de 25 galeóns afundidos nas súas augas. Ademais dun castelo, a Fortaleza de Rande, que é un dos
últimos vestixios terrestres asociados coa batalla.
- A busca do tesouro: Certamente a historia
da batalla é apaixonante dende todos os puntos de vista, pero non o é menos a
posterior historia da busca do tesouro
con máis de 200 expedicións de busca internacionais.
- Xulio Verne en Rande: A transcendencia da
busca está avalada incluso polo feito de que fose recollido no libro “Vinte mil leguas baixo os mares” do
famoso escritor Xulio Verne.
- Cargadoiro do Alemán: O cargadoiro de vía voadiza ou Cantilever,
coñecido na parroquia como “Cargadoiro
do Alemán”, construído na contorna dos anos 20 do século XX.
- A Fábrica do Alemán e o MEIRANDE: Foi Otto Gerdtzen Boyé quen merca en 1944 as instalacións de salgadura de Rande e as transforma logo
en conserveira, chamada Conservas Boyé.
- O cargadoiro de Cotto Wagner: É a última das grandes infraestruturas
construídas en Rande, un gran cargadoiro de ferro con cintas transportadoras, construído entre 1960 e 1965 e pechado nos anos 70 coa crise
enerxética mundial.
Deste xeito, pode
articularse un discurso histórico completo da historia de Rande dende
principios do séc. XVIII ata mediados do XX, asociado coa minería, e neste
discurso calquera dos elementos estruturais é imprescindible para o seu
entendemento.
Todos estes feitos deixaron
en Rande numerosos inmobles monumentais en forma de xacementos arqueolóxicos,
peiraos, fábricas históricas, pontes...