O derradeiro vestixio terrestre da
Batalla de 1702
Recoñecida
como Castelo de Rande, descoñécese a data exacta da súa construción aínda que
hai noticias de que xa existía no séc. XVI.
Formaba
parte do precario sistema defensivo da ría de Vigo durante a época moderna, que
sufriu os embates de numerosos conflitos armados dende o séc. XV, e continuados
enfrontamentos con Francia, Inglaterra e Portugal primordialmente, que teñen o
seu paradigma na Guerra de Sucesión Española de principios do séc. XVIII.
Trátase dunha fortaleza abaluartada, desenvolvida
en plano, con pouca altura para protexerse da artillería, e semellante a outras
fortalezas e castelos de época moderna da contorna. Construída ao modo da
enxeñería militar moderna, con alambores acusados e plantas en estrela e, no
noso caso, en cuña.
A súa posición sobre o rochedo da costa
convértena en castelo rochero, e dábanlle un aspecto esvelto sobre a liña de
costa pola propia acusada pendente do lugar. Trala súa ruína na batalla de
Rande, reformouse no 1788 polo capitán de enxeñeiros Cayetano Paveto.
O Castelo de Rande figuraba como defensa do
Estreito, cunha lonxitude de 800 m. de paso entre
as puntas de Rande e Corbeiro, entre as que se tendía unha cadea que o cruzaba para impedir que os
barcos entrasen na Enseada de San Simón. Considerando ademais a súa configuración orográfica do estreito en forte pendente que
determina a defensiva das dúas fortalezas localizadas a cadanseu lado, expostas
sempre ao dominio da posición en altura dos atacantes, con moitas dificultades
de obter un espazo de certa amplitude para un enfrontamento artilleiro e para
os servizos loxísticos de apoio.
Nos anos 70 do séc. XX, cando se desenvolveu a
construción da Ponte dos Tirantes de Rande, a estrutura viuse moi afectada pola
localización dos piares en terra da Ponte, que coinciden coa súa planta
principal.