mércores, 8 de maio de 2019

Os barcos afundidos da Batalla de Rande



Un dos xacementos arqueolóxicos subacuáticos máis importantes de Europa

Plano coa localización dos pecios de Devaux en 1743

O 23 de outubro de 1702 tivo lugar unha das batallas navais máis importantes da historia moderna europea. Foi un evento internacional, onde estiveron involucradas as entonces maiores potencias militares e comerciais do mundo: España, Francia, Inglaterra e Holanda. Na contenda participaron máis de 20.000 persoas e máis de 200 barcos. Como resultado, un mínimo de 25 galeóns e barcos de liña afundíronse na Enseada de San Simón.

O día da Batalla ía moi mal tempo, chovía e pola mañá cedo a ría estaba pechada por unha mesta néboa que dificultaba moito a visibilidade. Os barcos inimigos aproveitan a escasa luz do abrente e a néboa para facerse invisibles. As baterías costeiras de Vigo comezan entón a atronar sobre a frota inimiga, pero os seus canóns non a alcanzan desprazándose pola beira norte da ría.

Á altura de Teis, na Guía e en Domaio, comezaron a desembarcar os marines ingleses e holandeses que resultarían definitivos na destrución das defensas terrestres. Unha vez eliminados os canóns que protexían o Estreito, a entrada dos barcos anglo-holandeses só quedaba freada pola cadea e a estacada de madeiras.

Unha vez sobrepasada esta cadea defensiva, os barcos ingleses e holandeses entran na Enseada comodamente e só teñen que valerse da súa superioridade numérica para apoderarse da frota franco-española. Coa entrada dos inimigos na Enseada o almirante francés Chateau-Renault ordena prenderlle lume aos seus barcos. A Enseada convértese nun inferno de lapas, nesa imaxe que queda sobre a Batalla, e de tantas reproducións antigas sobre o evento.

Posteriormente na Enseada de San Simón foron realizadas un total de 75 expedicións de busca dos pecios. Semella polos planos deixados por estes expedicionarios buscatesouros, que o vento do norte, durante a xornada de 1702, achegou os barcos cara ao lado sur da Enseada.