mércores, 8 de maio de 2019

O cargadoiro Cotto Wagner


Construído pola empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, SA” na década de 1960

 
A empresa que devolve a exportación de mineral de ferro cara a Alemaña e Inglaterra ao porto de Vigo foi a “Minero Siderúrgica de Ponferrada”, que xestionaba o coñecido Cotto Wagner. Este xacemento, do que antes se extraeu volframio, foi preparado a finais dos anos corenta e comezouse a extraer mineral no ano 1954, o mesmo ano que lle enviou o primeiro pedido á empresa alemá Friedrich Krupp Hüttenwerke AG a través do porto de Vigo. O peirao dos transatlánticos non era o lugar idóneo para a carga debido as limitacións que presentaba para o acceso dos buques.

Entre os anos 1955 e 1959 exportáronse dende o porto de Vigo 1.631.380 toneladas de mineral de ferro. Segundo as previsións feitas pola empresa sería preciso contar cunhas instalacións que permitisen condicións de atraque para buques de 17.000/22.000 toneladas. Así, debido ás necesidades técnicas e ás perspectivas de crecemento, a “Minero Siderúrgica de Ponferrada” solicítalle á Autoridade Portuaria de Vigo en 1960 unha concesión no estreito de Rande para crear unhas instalacións de carga con capacidade de procesamento de 2.000 toneladas por hora.

O proxecto foi elaborado polo enxeñeiro Eloy Fernández Valdés e contemplaba tres plataformas unidas por unha ponte metálica sobre a que discorría unha cinta transportadora. Finalmente as obras, que se inician en 1960, non rematan ate 1966 cando a empresa presenta o escrito de finalización das obras e pide a autorización para iniciar os servizos en Rande.

Os datos de exportación de ferro no período 1966-1974, no que permaneceu activo o cargadoiro, mostran máis de tres millóns de toneladas embarcadas, o que facía correctas as previsións da “Minero Siderúrgica de Ponferrada”. O que non previron foi a crise enerxética mundial dos anos setenta e a competencia dos outros países. Ante esta situación a empresa, xa en 1971, pídelle á Autoridade Portuaria a redución das tarifas de embarque co fin de aumentar a súa competitividade. Pero o agravamento da crise e as dificultades para competir con outros mercados levan ao cese da actividade do cargadoiro no ano 1974.