mércores, 8 de maio de 2019

Praia de Rande e conxunto de casas mariñeiras de Rande


Inmersos nun magnífico escenario declarado Rede Natura 2000


O Territorio Histórico de Rande está situado no extremo sur do Estreito de Rande, na canle que separa a ría de Vigo da súa cabeceira, a enseada de San Simón. Xeograficamente o lugar ocupa unha zona de ribeira da ría, cuxa parte central está ocupada pola praia de Rande. O espazo confórmano calas de rochas, en forma de entrantes e saíntes paralelas ao litoral da ría, o coñecido na bioloxía como Intermareal Rochoso, ao pé das abas do Alto de Trasmañó.

Entre o mar e as vías do tren que cruzan Rande de leste a oeste hai un estreito camiño asfaltado de baixada ao núcleo de casas da praia de Rande. Este núcleo conforma un conxunto orixinal de casas mariñeiras a pé de costa, que abrazan formando un arco a praia de Rande, con pequenos peiraos de atraque, escaleiras de pedra e ramplas de baixada á costa. Aínda é posible ver actividade mariñeira de reparación de pequenas embarcacións, e outras faenas pesqueiras a pequena escala. Actualmente neste núcleo hai habitadas unha ducia de casas. Xunto coa praia e un peirao conserva a distribución urbanística dun núcleo de casas mariñeiras a pé de costa.

Esta configuración xeográfica da praia de Rande facilita o acceso a embarcacións para carga e descarga ata as casas e almacéns, o que a fai ideal para a instalación dunha industria de salga.

O conxunto de casas interrómpese pola baixada do regato coñecido como río Fondón, que forma unha pequena xunqueira na súa desembocadura.

Todo isto inmerso nun magnífico escenario declarado Rede Natura 2000; xa que a enseada está fornecida pola existencia dun ecosistema natural de excepcional valor que a converte nun Lugar de Interese Comunitario (LIC, código ES1140016). A Comisión Europea aprobou a súa designación como LIC o 7 de decembro de 2004 xunto co resto das zonas da rexión atlántica.