venres, 7 de agosto de 2020

Carta de adhesión da Asociación "Vigo Industrial"

La asociación "Vigo Industrial" se opone a la destrucción del cargadero de Coto Wagner y apoya la declaración del conjunto patrimonial del estrecho de Rande (Redondela) como Bien de Interés Cultural

"Vigo Industrial" apoya y respalda las actuaciones de la "Asociación Rande Patrimonio Europeo" en el pasado mes de mayo de 2020 ante la Subdirección de Patrimonio Histórico del Ministerio de Cultura, por las cuales se informó certeramente del valor histórico y cultural del cargadero de minerales de Coto Wagner y del resto de elementos que componen el singular conjunto patrimonial del estrecho de Rande, y se solicitó que esta Subdirección no permitiese la demolición de la estrutura del cargadero de Coto Wagner.

Seguir lendo...

mércores, 5 de agosto de 2020

Adhesión da Universidade Santiago de Compostela


Apoio por parte da Associació del Museu de la Ciència i de la Tècnica i d´Arqueologia Industrial de Catalunya

Carta de apoio por parte da Associació del Museu de la Ciència i de la Tècnica i d´Arqueologia Industrial de Catalunya, asociación declarada de Utilidade Pública polo Goberno de España, fundada no ano 1979, que ten entre os seus obxectivos e actividades a defensa, conservación e valorización do patrimonio industrial.

mércores, 8 de maio de 2019

A fábrica do Alemán / Meirande


Construída no ano 1836 polo empresario catalán Sebastián Carsí.


A Fábrica do Alemán dende o mar, 
antes da súa rehabilitación
A súa construción e devir coincide coa historia da industria da salga e da conserva na punta de Rande. A sardiña salgada foi un produto netamente comercial, destinado na súa maior parte a distribuírse por Portugal, os portos do Cantábrico e, en menor medida, pola costa mediterránea.

A chegada dos chamados fomentadores cataláns produce o troco da salgadura artesá ás fábricas de salgadura. Deste modo, a partir de 1750 a actividade de salgadura da sardiña, que antes levaban a cabo as familias dos pescadores nos soportais dos barrios mariñeiros ou nas pequenas adegas, pasa a uns edificios especializados (fábricas de salgadura) propiedade de comerciantes na súa maioría cataláns, que en décadas anteriores viñan ás costas galegas a mercar peixe, e que pagan uns salarios a estibadores e toneleiros polo seu traballo nas ditas fábricas.

É nesta situación cando xorde en Rande a primeira noticia dun fomentador alí establecido, Sebastián Carsí, en 1836. Despois de moitos avatares e propietarios a industria da salga transfórmase en conserveira, que foi mercada polo industrial alemán Otto Gerdtzen Boyé, no ano 1945.

Otto Gerdtzen Boyé foi un comerciante alemán moi diversificado nos seus negocios. Entre os anos 1940-1944, momento da febre do “ouro negro galego” (volframio), tivo unha empresa mineira dedicada á explotación regular de volframio nun coto en Silleda, chamada Otto Gertzen. A todo isto engadiu en 1948, radicada na mesma fábrica de Rande, a produción de conservas chamada Conservas Boyé.

A liña do ferrocarril


Cunha impresionante ponte de máis de 8 m de van, testemuña das vías de comunicación no litoral sur da ría de Vigo.

O accidente ferroviario do ano 1976
A proliferación de empresas e a industrialización creou o que nos últimos anos foi dado en chamar, polos arqueólogos industriais e demais expertos en historia contemporánea, “Paisaxes Industriais” ou “Paisaxes Culturais”, entendendo por estas, as paisaxes novas xurdidas como froito das transformacións provocadas pola industrialización.

O Industrial, abarca no só inmobles (fábricas, obradoiros, chemineas...), incluiría tamén as vías de transporte e comunicación a través das que chegaban as materias primas e se comercializaban os produtos (pontes, ferrocarrís, estacións...), entre outros inmobles.

Nesta conxuntura valoramos a liña de ferrocarril Ourense-Vigo, aberta en 1885, que puxo en relación os xacementos mineiros da provincia de Ourense co porto de Vigo, achegando, deste modo, os minerais extraídos ás siderurxias inglesas.

Pola súa localización xeográfica, o porto de Vigo tivo especial protagonismo como punto de exportación dos minerais da comarca ourensá. Deste modo, iniciouse o camiño que levou o Estreito de Rande a ser o punto da ría de Vigo onde se realizaba o embarque do mineral de ferro que viña dende Ourense.

A Ponte de Ferrocarril de máis de 8 m de van é outro exemplo máis de arqueoloxía industrial na zona do Estreito de Rande que debe conservarse.

En setembro de 1976 tivo lugar en Rande un espantoso accidente ferroviario que deixou un balance de 18 mortos e centos de feridos.

O cargadoiro Cotto Wagner


Construído pola empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, SA” na década de 1960

 
A empresa que devolve a exportación de mineral de ferro cara a Alemaña e Inglaterra ao porto de Vigo foi a “Minero Siderúrgica de Ponferrada”, que xestionaba o coñecido Cotto Wagner. Este xacemento, do que antes se extraeu volframio, foi preparado a finais dos anos corenta e comezouse a extraer mineral no ano 1954, o mesmo ano que lle enviou o primeiro pedido á empresa alemá Friedrich Krupp Hüttenwerke AG a través do porto de Vigo. O peirao dos transatlánticos non era o lugar idóneo para a carga debido as limitacións que presentaba para o acceso dos buques.

Entre os anos 1955 e 1959 exportáronse dende o porto de Vigo 1.631.380 toneladas de mineral de ferro. Segundo as previsións feitas pola empresa sería preciso contar cunhas instalacións que permitisen condicións de atraque para buques de 17.000/22.000 toneladas. Así, debido ás necesidades técnicas e ás perspectivas de crecemento, a “Minero Siderúrgica de Ponferrada” solicítalle á Autoridade Portuaria de Vigo en 1960 unha concesión no estreito de Rande para crear unhas instalacións de carga con capacidade de procesamento de 2.000 toneladas por hora.

O proxecto foi elaborado polo enxeñeiro Eloy Fernández Valdés e contemplaba tres plataformas unidas por unha ponte metálica sobre a que discorría unha cinta transportadora. Finalmente as obras, que se inician en 1960, non rematan ate 1966 cando a empresa presenta o escrito de finalización das obras e pide a autorización para iniciar os servizos en Rande.

Os datos de exportación de ferro no período 1966-1974, no que permaneceu activo o cargadoiro, mostran máis de tres millóns de toneladas embarcadas, o que facía correctas as previsións da “Minero Siderúrgica de Ponferrada”. O que non previron foi a crise enerxética mundial dos anos setenta e a competencia dos outros países. Ante esta situación a empresa, xa en 1971, pídelle á Autoridade Portuaria a redución das tarifas de embarque co fin de aumentar a súa competitividade. Pero o agravamento da crise e as dificultades para competir con outros mercados levan ao cese da actividade do cargadoiro no ano 1974.

Praia de Rande e conxunto de casas mariñeiras de Rande


Inmersos nun magnífico escenario declarado Rede Natura 2000


O Territorio Histórico de Rande está situado no extremo sur do Estreito de Rande, na canle que separa a ría de Vigo da súa cabeceira, a enseada de San Simón. Xeograficamente o lugar ocupa unha zona de ribeira da ría, cuxa parte central está ocupada pola praia de Rande. O espazo confórmano calas de rochas, en forma de entrantes e saíntes paralelas ao litoral da ría, o coñecido na bioloxía como Intermareal Rochoso, ao pé das abas do Alto de Trasmañó.

Entre o mar e as vías do tren que cruzan Rande de leste a oeste hai un estreito camiño asfaltado de baixada ao núcleo de casas da praia de Rande. Este núcleo conforma un conxunto orixinal de casas mariñeiras a pé de costa, que abrazan formando un arco a praia de Rande, con pequenos peiraos de atraque, escaleiras de pedra e ramplas de baixada á costa. Aínda é posible ver actividade mariñeira de reparación de pequenas embarcacións, e outras faenas pesqueiras a pequena escala. Actualmente neste núcleo hai habitadas unha ducia de casas. Xunto coa praia e un peirao conserva a distribución urbanística dun núcleo de casas mariñeiras a pé de costa.

Esta configuración xeográfica da praia de Rande facilita o acceso a embarcacións para carga e descarga ata as casas e almacéns, o que a fai ideal para a instalación dunha industria de salga.

O conxunto de casas interrómpese pola baixada do regato coñecido como río Fondón, que forma unha pequena xunqueira na súa desembocadura.

Todo isto inmerso nun magnífico escenario declarado Rede Natura 2000; xa que a enseada está fornecida pola existencia dun ecosistema natural de excepcional valor que a converte nun Lugar de Interese Comunitario (LIC, código ES1140016). A Comisión Europea aprobou a súa designación como LIC o 7 de decembro de 2004 xunto co resto das zonas da rexión atlántica.

A "Ponte dos Tirantes", coñecida como a "Ponte de Rande"

Foi durante moitos anos a maior ponte colgante do mundo.



Construída nos anos 70 do século XX. Foi proxectada polo enxeñeiro italiano Fabrizio de Miranda, o español Florencio do Pozo (que tamén se encargou da cimentación) e por Alfredo Passaro.

Custou 3.658 millóns de pesetas no momento da súa construción. Desde a súa apertura ao tráfico en 1981, pasaron por ela 231 millóns de vehículos, soportando actualmente un tráfico duns 50.000 vehículos diarios.

Construíuse para salvar as colas que se adoitan formar polas mañás pola xente dos municipios próximos que van traballar á cidade de Vigo, e no verán cando as praias da península do Morrazo atraen un gran número de viaxeiros.

No ano 2018, tras máis de 30 meses de obras, engadíronse dous carrís exteriores.

Mide 1.604 m de lonxitude total, aínda que nesta cifra combínanse os tramos de ponte sobre alicerces e a ponte atirantada propiamente dita, que mide 694,98 m. O van central mide 401 m e os dous vans laterais do tramo atirantado miden 147 m cada un. Os dous alicerces que sosteñen o tramo atirantado teñen forma de H e unha altura total de 118,60 m.

No momento da súa inauguración era a ponte atirantada de maior lonxitude do mundo. Ademais era a ponte máis longa de España, despois da Ponte Sifón de Huelva cuxa lonxitude é de máis de 2.000 m. Segue sendo unha obra de enxeñaría emblemática da ría de Vigo.

O cargadoiro de viga voadiza ou cantilever


Chamado “Cargadoiro do Alemán”, foi inaugurado en 1926.

Imaxe do cargadoiro do Arquivo Pacheco de Vigo, 
en torno aos anos 30 do séc. XX

Unha das industrias vinculadas co estreito de Rande é a mineira, xa que neste lugar se instalaron diferentes infraestruturas asociadas co traslado do mineral cara aos seus destinos en portos europeos, ingleses e alemáns primordialmente.

O primeiro dos cargadoiros é o coñecido como Cargadoiro do Alemán, inaugurado en 1926, pola empresa Minerales de Hierro de Galicia, SA, que tivo unha curta pero intensa historia, nos anos da II Guerra Mundial e da febre do volframio, cando Galicia foi o escenario dunha guerra económica na que participaron espías nazis e aliados, sociedades encubertas e operacións que demostran a importancia que este recuncho do Finisterrae europeo acadou durante a maior contenda da Humanidade.

O alemán Friedrich Wilhem Cloos foi un dos pioneiros industriais de Galicia, chegados de fóra, quen se estableceu en Monforte de Lemos para explotar as minas de ferro. Este enxeñeiro funda en 1924, en Madrid, a empresa Minerales de Hierro de Galicia, SA.

O seu problema, como o de tantos outros, foi como exportar o mineral, nunha época en que as infraestruturas ferroviarias eran moi deficientes. Por iso, decidiu facelo por mar, escollendo un punto na liña férrea entre Ourense e Vigo. E atopou que o mellor lugar era o Estreito de Rande.

Friedrich Wilhem Cloos ordena construír unha base de formigón, que aínda está hoxe en pé. E unha gran estrutura de aceiro, máis longa incluso que a que hoxe vemos de Cotto-Wagner. Tamén se desviou a liña férrea para facer chegar o mineral ao cargadoiro.

O cargadoiro de Rande tiña un sistema tipo "cantilever", unha estrutura aérea de formigón sobre a que se localizaba un ramal ferroviario que permitía que os vagóns cargados de mineral puidesen achegarse até a beiramar.

Os barcos afundidos da Batalla de Rande



Un dos xacementos arqueolóxicos subacuáticos máis importantes de Europa

Plano coa localización dos pecios de Devaux en 1743

O 23 de outubro de 1702 tivo lugar unha das batallas navais máis importantes da historia moderna europea. Foi un evento internacional, onde estiveron involucradas as entonces maiores potencias militares e comerciais do mundo: España, Francia, Inglaterra e Holanda. Na contenda participaron máis de 20.000 persoas e máis de 200 barcos. Como resultado, un mínimo de 25 galeóns e barcos de liña afundíronse na Enseada de San Simón.

O día da Batalla ía moi mal tempo, chovía e pola mañá cedo a ría estaba pechada por unha mesta néboa que dificultaba moito a visibilidade. Os barcos inimigos aproveitan a escasa luz do abrente e a néboa para facerse invisibles. As baterías costeiras de Vigo comezan entón a atronar sobre a frota inimiga, pero os seus canóns non a alcanzan desprazándose pola beira norte da ría.

Á altura de Teis, na Guía e en Domaio, comezaron a desembarcar os marines ingleses e holandeses que resultarían definitivos na destrución das defensas terrestres. Unha vez eliminados os canóns que protexían o Estreito, a entrada dos barcos anglo-holandeses só quedaba freada pola cadea e a estacada de madeiras.

Unha vez sobrepasada esta cadea defensiva, os barcos ingleses e holandeses entran na Enseada comodamente e só teñen que valerse da súa superioridade numérica para apoderarse da frota franco-española. Coa entrada dos inimigos na Enseada o almirante francés Chateau-Renault ordena prenderlle lume aos seus barcos. A Enseada convértese nun inferno de lapas, nesa imaxe que queda sobre a Batalla, e de tantas reproducións antigas sobre o evento.

Posteriormente na Enseada de San Simón foron realizadas un total de 75 expedicións de busca dos pecios. Semella polos planos deixados por estes expedicionarios buscatesouros, que o vento do norte, durante a xornada de 1702, achegou os barcos cara ao lado sur da Enseada.

Fortaleza de Rande

O derradeiro vestixio terrestre da Batalla de 1702

 
Planta da Fortaleza durante o séc. XVIII
Recoñecida como Castelo de Rande, descoñécese a data exacta da súa construción aínda que hai noticias de que xa existía no séc. XVI.

Formaba parte do precario sistema defensivo da ría de Vigo durante a época moderna, que sufriu os embates de numerosos conflitos armados dende o séc. XV, e continuados enfrontamentos con Francia, Inglaterra e Portugal primordialmente, que teñen o seu paradigma na Guerra de Sucesión Española de principios do séc. XVIII.

Trátase dunha fortaleza abaluartada, desenvolvida en plano, con pouca altura para protexerse da artillería, e semellante a outras fortalezas e castelos de época moderna da contorna. Construída ao modo da enxeñería militar moderna, con alambores acusados e plantas en estrela e, no noso caso, en cuña.

A súa posición sobre o rochedo da costa convértena en castelo rochero, e dábanlle un aspecto esvelto sobre a liña de costa pola propia acusada pendente do lugar. Trala súa ruína na batalla de Rande, reformouse no 1788 polo capitán de enxeñeiros Cayetano Paveto.

O Castelo de Rande figuraba como defensa do Estreito, cunha lonxitude de 800 m. de paso entre as puntas de Rande e Corbeiro, entre as que se tendía unha cadea que o cruzaba para impedir que os barcos entrasen na Enseada de San Simón. Considerando ademais a súa configuración orográfica do estreito en forte pendente que determina a defensiva das dúas fortalezas localizadas a cadanseu lado, expostas sempre ao dominio da posición en altura dos atacantes, con moitas dificultades de obter un espazo de certa amplitude para un enfrontamento artilleiro e para os servizos loxísticos de apoio.

Nos anos 70 do séc. XX, cando se desenvolveu a construción da Ponte dos Tirantes de Rande, a estrutura viuse moi afectada pola localización dos piares en terra da Ponte, que coinciden coa súa planta principal.

ARPE - Asociación Rande Patrimonio Europeo


ARPE é unha nova asociación cultural en Redondela creada para solicitar o “Selo de Patrimonio Europeo” para o Estreito de Rande e os seus terreos lindeiros, como un medio de promover e preservar os bens culturais, os monumentos, os enclaves naturais ou urbanos, incluíndo calquera patrimonio inmaterial, tanxible e intanxible, contemporáneo e tradicional, e os lugares que desempeñan unha función esencial á hora de comprender a memoria e a historia europea.
Enumeramos os bens culturais que hai no Estreito de Rande:
  1. A Batalla de Rande: Deixou un dos xacementos de pecios arqueolóxicos subacuáticos máis grandes de Europa, con máis de 25 galeóns afundidos nas súas augas. Ademais dun castelo, a Fortaleza de Rande, que é un dos últimos vestixios terrestres asociados coa batalla.
  2. A busca do tesouro: Certamente a historia da batalla é apaixonante dende todos os puntos de vista, pero non o é menos a posterior historia da busca do tesouro con máis de 200 expedicións de busca internacionais.
  3. Xulio Verne en Rande: A transcendencia da busca está avalada incluso polo feito de que fose recollido no libro “Vinte mil leguas baixo os mares” do famoso escritor Xulio Verne.
  4. Cargadoiro do Alemán: O cargadoiro de vía voadiza ou Cantilever, coñecido na parroquia como “Cargadoiro do Alemán”, construído na contorna dos anos 20 do século XX.
  5. A Fábrica do Alemán e o MEIRANDE: Foi Otto Gerdtzen Boyé quen merca en 1944 as instalacións de salgadura de Rande e as transforma logo en conserveira, chamada Conservas Boyé.
  6. O cargadoiro de Cotto Wagner: É a última das grandes infraestruturas construídas en Rande, un gran cargadoiro de ferro con cintas transportadoras, construído entre 1960 e 1965 e pechado nos anos 70 coa crise enerxética mundial.

Deste xeito, pode articularse un discurso histórico completo da historia de Rande dende principios do séc. XVIII ata mediados do XX, asociado coa minería, e neste discurso calquera dos elementos estruturais é imprescindible para o seu entendemento.
Todos estes feitos deixaron en Rande numerosos inmobles monumentais en forma de xacementos arqueolóxicos, peiraos, fábricas históricas, pontes...